+ 366

Porque é época de tradicións, porque facer unha retrospectiva anual é algo san que axuda a ver os erros cometidos e a buscar non volver a cometelos… por iso, a pesares de que en todo o ano este blog está totalmente deserto e sen actualizar, o 31 de decembro póñoo ao día e escribo como foron os últimos 365 días. 366 neste 2016 bisesto.

Se o comezo do último trimestre de 2015 foi o peor comezo que podía existir, o final do primeiro trimestre de 2016 foi a sensación máis amarga que tiven en toda a miña vida. Meu pai deixábanos o 28 de marzo. Se ben non foi algo totalmente repentino, pois por todos é sabido que o cancro é algo que sí ou sí acaba levándose por diante a todos, foi moito máis rápido do agardado. Un mes antes o médico informáranos que o tratamento non estaba funcionado. Traballei todo o día sen darlle moitas voltas, pero ao saír do traballo derrumbeime totalmente ata o punto de ter que saír do bus e rematar o camiño á casa andando. Botei 2 horas chorando no hombro de Silvia (nunca terei palabras para agradecer todo o que aturou) e pouco a pouco funme facendo á idea. Do 28 e 29 de marzo recordo moitas cousas, tanto do hospital cando cheguei e miña nai me dixo que falecera, como despois no tanatorio e no enterro, pero quédome co cariño de todo o mundo. Silvia, que non se separou do teléfono un segundo para apoiarme e se presentou no tanatorio; Cristina, que foi a que acompañou a miña nai ao hospital, non se separou en todo o día; Miguel que en canto se enterou se veu a Pontevedra a traer papeis que necesitabamos; Vicente, Yoli, Fer, Silvia e Carmela que se viñeron dende Vigo e Santiago; Carlos e Estrella que tamén se achegaron; Alfonso que veu con Silvia ao enterro; Adrián que me chamou dende Madrid desculpándose por non estar; o meu Director de Proxectos en Bahía Software, Manuel, que me telefoneou e enviou un ramo; tantos e tantos veciños de Cuntis que por alí pasaron. Moitas grazas.

Despois diso veu un periplo de papeleo que foi moito menos traumático do agardado. Moi custoso económicamente pero só iso. Logo de 8 meses puiden dar por pechado todo, e pechar esa carpeta e gardala foi un alivio mental.

Todas as experiencias ensinan algo. Neste caso quedoume totalmente patente que hai que facer todo o que queres facer canto antes. Meu pai non me veu presentar o TFG e convertirme en enxeñeiro, como eu quería que pasase, ao igual que miña avoa tampouco o verá, porque por diversos motivos non cheguei a tempo. Se podes facer algo, faino xa. Nunca sabes cando haberá un revés que che trastoque os plans.

En Bahía Software entenderon a miña necesidade de modificar o horario de traballo para poder adicarme ao TFG e finalizalo por fin, e comecei con horario reducido, de 8 a 15. Isto permitiume adicarlle as horas necesarias para, en febreiro de 2017, presentar o Traballo e dar por finalizada a etapa universitaria graduándome en Enxeñería Informática. Ou eso agardo. Un dos meus propósitos de ano novo vai ser escribir un post neste blog cando remate a carreira. Agardo cumplilo!

E falando de Bahía Software, o 23 de marzo cumprín un ano traballando alí. O primeiro ano foi bo, aprendín moitísimo e disfrutei moitísimo; pero, para ser totalmente sincero, teño que dicir que dende abril me sinto moito máis cómodo, disfruto moito máis co meu traballo e incluso adquirín algunha nova responsabilidade. Por exemplo, se se estropea a máquina de café aviso eu á empresa que o ven repoñer! Bromas aparte, no apartado profesional 2016 foi un moi bo ano. Se 2017 é igual de bo doume por satisfeito!

O meu 2016 tamén me trouxo o título de Patrón Básico de Navegación alá polo mes de xuño, polo que agora xa podo coller un barco e irme surcar os mares. Ata 5 millas da costa, pero algo é algo! Agardo que lle poida sacar partido e poida alugar uns días un barco para sentir a liberdade que da navegar, que alá por decembro de 2015 cando fixen as prácticas, tanto desfrutei.

Non podía faltar a viaxe ao sur de Silvia e miña, ao xa noso querido Arroyo de la Miel. Non foi unha viaxe moi longa, pero si intensa. Plantámonos un 2 de agosto no aeroporto de Málaga – Costa del Sol e alá nos fomos no cercanías a Arroyo, á nosa pensión de sempre. Alí nos fomos a desfrutar dun paseo vespertino por toda a costa e a cear á nosa pizzería. Alá comezamos unhas vacacións para desconectar, que viñeron espectacularmente ben. A particularidade deste ano foi que Silvia, inconsciente dela, accedeu a que alquilaramos un coche e subirse conmigo ao volante polas estradas andaluzas! E chegamos vivos aos nosos destinos. Primeiro Gibraltar. Alá chegamos e paseamos, alá comimos, alá nos asombramos cos barquitos que había. E alá subimos ao peñón. No maldito teleférico, pero bueno, puido se peor! Unhas vistas espectaculares. Vimos África! E monos, moi simpáticos e que roubaban comida abrindo cremalleiras. Vamos que os monos os pos diante dun ordenador e fan mellor software que algunha empresa!

Ao día seguinte tocaba Ronda. E alá nos fomos a visitar Ronda. Facía calor e había pontes moi altas. E comemos nun sitio… que mereceu moito a pena. Había moito que non me sentía tan cómodo nun sitio comendo. Un trato espectacularmente bo, un prezo moi razonable e moi boa comida.

E tocou volver, coa mente limpa e o desexo de visitar o que quedou sen visitar. E se todo vai ben, farase en 2017!

Despois diso, xa no treito final do ano, todo foi traballar pola mañá e adicarse ao TFG pola tarde. Agardo que isto repercuta en ter un 2017 onde o descanso poida ser algo maior.

Non podo finalizar o post sen pedir desculpas a toda esa xente que non vexo nunca porque non sei organizarme. Os meus amigos de toda a vida, Víctor, Iria, Ángel, Aberto, Noemi… Agardo que o vindeiro ano aprenda dunha vez a organizarme e sexa capaz de quedar con vós.

Tamén teño que agradecer a todos os compañeiros de Protección Civil de Cuntis que estiveron conmigo en todos os momentos, bos e malos, e desculparme pola prácticamente nula axuda que este ano lles prestei.

Tampouco podo rematar sen dicirlle a Silvia: GRAZAS. Non hai palabras para expresar todo o que agradezo o que fas e aturas, pero agardo que sepas todo o afortunado que me sinto por terte ao meu lado.

A todos os que estivestes conmigo este ano, a todos os que vos dixen “a ver se quedamos” e non fun capaz de organizarme: grazas por seguir aí.

Feliz ano 2017.

Publicado en: reflexións, vida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*