Outros 365 (máis)

Dado que este blog parece que comeza a ser o recopilatorio anual das miñas impresións no mundo, non podía deixar pasar as de 2015. Faltoulle pouco, e aínda que será un artigo curto, rápido e sen pensalo moito, creo que sería unha pena perder esta tradición. Tradición de 3 ou 4 anos, pero tradición ao fin e ao cabo.

En 2015 constatei, aínda que xa o tiña moi claro, que a vida che cambia de golpe, sen avisar, dun segundo para outro, e sen que poidas facer nada. O 1 de outubro foi ese día. A hora 1 do 1 de outubro recibín unha nova que, a pesar de ser esperada, non deixa de ser dolorosa: meu avó paterno falecía logo dunha loita contra un cancro. 9 horas despois, cando estaba a punto de saír para casa para asistir ao funeral outra nova. Esta totalmente inesperada, destas que non reaccionas ata pasados uns minutos, e non rematas de reaccionar ata pasadas semanas. A miña avoa materna, coa que vivín toda a vida, de repente, sen máis aviso que unha dor nunha perna que todos os médicos nos xuraron e perxuraron que non era máis que ciática, deulle un shock epiléptico do que non saiu, e probablemente non saia.

E aquí se acabou a parte de pena, dor e desgracias do artigo. Isto todo que me pasou ten unha parte positiva. Ou igual non e eu me empeño en vela, pero négome a pensar que haxa algo neste mundo que non teña un mínimo de parte positiva. Se con eses feitos constatei o rápido que pode mudar a vida en cousa de un segundo, tamén constatei que hai quen, por moito que cambien as cousas, por moi mala cara que teñas algúns días, por moi borde e desagradecido que sexas, estará aí para aturarte. Daralle igual o seu estado anímico, o que teña que sufrir e calar para que ti chores e desafogues as túas penas. Teño máis claro que nunca, despois deste trimeste horribilis, que Silvia sempre estará para que lle vaia contar penas, alegrías, chistes malos ou historias raras. E para isto non teño máis palabras que GRAZAS, en maiúsculas, e pouco é. Sei que teño moito que agradecerlle, sei que gran parte do tempo non llo agradezo o suficiente e nunca serei capaz de agradecerlle o suficiente o que fai por min, o que me atura e o que me sigue escoitando a pesar de todo. Estaría agradecéndolle cada un dos minutos do día que me atura, e quedaríame sen espazo, sen alento, sen dedos de tanto teclear, e seguirían sendo poucas as veces.

Hai outro grupo de persoas ás que lle teño que agradecer a súa dispoñibilidade as 24 horas do día, os 7 días da semana, para calquera cousa que necesitase. Os meus compañeiros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis, especialmente Cristina e Miguel, xunto con Enrique, Cristian e Mary. Non dubidaron un segundo en aparecer ás 7 da mañá na miña casa para levar a miña avoa a unha proba médica, ofrecerme o seu coche para desplazarme e mil cousas máis.

A miña vida cambiou este ano, antes de este último trimeste, en marzo, cando comecei a traballar. Non porque acabase a carreira, non, que para iso hai que facer un TFG que está parado dende o mesmo marzo e non ten moito viso que seguir. Comecei a desempeñar a que se supón que será a miña profesión, ou alomenos para o que estudei, nunha consultora en Santiago, Bahía Software, onde levo ata hoxe, 9 meses aprendendo o que significa desenvolver software a nivel profesional. E moi contento que estou na empresa, e que espero seguir un cacho máis!

Aparte do traballo, que é moi importante, algo que eu considero incluso máis, é poder viaxar. E este ano viaxei. Realmente recordei os viaxes cando Silvia os puxo en Facebook: Cebreiro, Málaga (por segundo ano), Barcelona (por cuarta vez), Baiona e Combarro foron sitios que visitei este ano, todas elas viaxes espectaculares. As bolas de neve coas que Alfonso e eu acribillabamos a Silvia, os paseos pola Costa do Sol, un concerto dunha sinfónica que hai 2 anos non se me ocurriría que asistiría, día grande nunha vila de porte ou simplemente un domingo de escapada, gárdanse na memoria dun xeito que, grazas sobre todo á compañía, consiguen ser unha auténtica pócema da felicidade cando é necesario.

En definitiva, foi un bo ano. Ten traxedia, pero iso é algo que todos temos que sufrir e aprender que existe e levala o mellor posible. Quédome co que me quedo sempre: as persoas que, en un momento concreto por un xesto concreto, fan que sexas a persoa máis feliz do mundo. E eu, sentindo moito a envexa que vos vou dar, conto ao meu carón con xente que ten esa capacidade.

Víctor, Iria, Alberto, Ángel, Noemi, Cris, Celso débovos unha cea de cumpreanos. Eu non rematei de cumprir 27 anos porque me falta celebralo con vós. As circunstancias impedírono, pero non podo chegar aos 28 sen o meu 27 cumpreanos con vós. Durante unhas horas, na voda, estes rapaces e rapazas conseguiron alegrarme, sentirme feliz, nun momento no que eu pensaba que non era quen de ser feliz. Grazas.

Miguel, Cristina, Enrique, Bea, Mary, Cristian e o resto da AVPC, moito se chega a aprender nesta vida de cousas que non esperaba nunca saber, cando se ten ao lado xente coma vós.

Alfonso, parece mentira que un picapleitos sexa tan majete, licor café mediante! Moitas pelis quedan que ver en 2016 e moitas pizzas que cear con Silvia e contigo.

Rubén, que nunca pensei que chegaría a botarte de menos, e manda narices, ata me fixo ilusión abrazarte! Ollo cos chinos, ti aprende deles e desconfía.

E Silvia, se eu fose Paulo Coelho fixo que me saía algo moi bonito que dicirche, pero como son Isaac Castro teste que contentar co que podo dicirche, que é GRAZAS. Por cada segundo, por ese abrazo ao chegar á casa despois de traballar, por esa comida que me tes preparada para levar ao día seguinte, por ese sorriso. Déboche todo e máis, e nunca cho poderei pagar. Quérote un montón.

Ao final o artigo nin foi corto, nin rápido, pero si foi o primeiro que se me ocurriu escribir. Sede felices, que para desgrazas e amarguras xa a vida se encarga. Reencontrádevos co pasado de cando en cando, co feliz, con aquel de risas e festas, e veredes como algo de felicidade volve a vós. Imaxinade o futuro, e plantexádevos a maneira de conseguir ese futuro imaxinado, que igual non se consigue, pero de soños tamén se vive.

Feliz 2016 a todos.

Publicado en: reflexións, vida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*