Outros 365 días

Feliz-2015-4

Estiven a punto de deixar pasar o día e non escribir o artigo de fin de ano, pero ao final tanto chamarme vago por parte de algunha convenceume. Iso e que ademáis non quería deixar pasar a tan antiga tradición de escribir un post contando o que foi o meu ano no persoal e no profesional, e os propósitos do ano novo, que sempre queda moi ben deixalo reflexado para darte conta un ano despois de que non cumpriches nada.

Eu creo que xa por iso o ano pasado non fixese ningunha proposta por escrito, aínda que supoño que si lle contaría a alguén algún propósito, e supoño que ese propósito sería intentar ser máis feliz a pesar de algunhas persoas e grazas a outras. Sobre todo isto segundo, e ignorar o máis posible ás primeiras.

A finais de 2013 Silvia deume a coñecer unha campaña de crowdfunding http://www.verkami.com/projects/6537-afinando-un-sueno-el-ikulibro na que un tío vasco que vive en Xapón contaba a súa vida. A verdade é que o libro parecía interesante, o tío parecía majo e decidín participar no crowdfunding. O libro chegou, púxenme a lelo e, ademáis de facerme chorar moito, convenceume de que de xente atravesada e que quere fastidiar está o mundo cheo, pero que se vive moito mellor se se ignoran. Dende que lin o libro (e despois o blog enteiro) intento facerlle caso, e intento que os que están ao meu arredor lle fagan caso, e tede por seguro que ignorando a esa xente se vive moito máis feliz. Por outra banda descubrín que existe un Xapón fóra dos animes e demais parafernalia, que parece que é o único que se ve por aquí, o que demostra que sobre o que se fai moito barullo non é necesariamente o máis importante, e hai sempre que intentar rascar un pouco para chegar ao fondo dos temas que interesan.

Ademáis de descubrir cousas sobre a cultura nipona a través dun vasco descubrín o sur de España en agosto, e sobrevivín! Aínda non mo creo, pero foi así, funme de viaxe a Málaga e Granada en pleno agosto con Silvia e descubrín que se está sorprendentemente ben. Estivemos en Arroyo de la Miel, onde un día me montaron nun invento infernal chamado teleférico para subir alá a un monte alonxado da civilización (excepto polo bar do teleférico onde podías tomarte os teus roncola para atreverte a montar de novo). Foi horrible subir e baixar, pero a estadía arriba foi marabillosa. Dous simpáticos rapaces que non recordo de onde viñan contáronnos todo o ceo que viamos, sen a máis mínina contaminación lumínica ao noso arredor. A min que isto do espazo sempre me superaba, deixoume máis anonadado aínda cando a través un telescopio vimos Saturno. Nada que ver poñer o ollo nunha lente minúscula e ter diante a un planeta alonxado millóns de kilómetros a velo nunha fotografía. Se tedes oportunidade de achegarvos a algunha actividade similar facédeo, quedaredes moito máis que sorprendidos. Pero non só vimos estrelas en Arroyo de la Miel, achegámonos a Málaga, onde pateamos boa parte da cidade. E obviamente tiñamos que achegarnos a unha praia a vela. Nada que ver, se queredes praia quedádevos en Galicia porque alá… podíanse plantar patacas naquela terra que se daban ben…

Aproveitando a viaxe e que Granada queda a un tiro de pedra fomos ata alá. Encantáronme moitas cousas da cidade, pero o mirador de San Nicolás ofrece unha panorámica da cidade e da Alhambra, á que non entramos para deixar algo pendente de visitar, que hai que ter sempre unha excusa para volver a un sitio!

Logo das vacacións tocou volver ao que será o último ano na USC. Probablemente o ano co que máis granas afronto dende hai varios, xa que se ve a recta final e se fan cousas distintas. Case non quedan materias pendentes e só resta facer as prácticas en empresa e o Proxecto Fin de Grao, que xa comecei pouco depois do inicio do curso e que vai collendo forma, pouco a pouco. Creo que tiven moita sorte co meu director e estou bastante convencido de que sairá unha ferramenta útil, da que espero contar máis cando haxa algo que ensinar.

Ademáis disto introducinme no mundo de Protección Civil, na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis, colaborando na medida na que podo, xeneralmente fins de semana ou no verán. Teño que recoñecer que me sorprendeu a cantidade de xente voluntaria que existe tanto en Protección Civil como en Cruz Vermella, nunca pensei que tanta xente puxese a disposición o seu tempo libre para embarcarse en estes temas que, a pesar de ser por norma xeral bos momentos, é raro o día no que vestindo o uniforme, algún ser despreciable te insulte co primeiro que se lle ven á cabeza.

E despois de este resumo de cousas que fixen, das que faltan moitas e non menos importantes, pero isto ten que ter un final, toca falar do que realmente importa: a xente que te rodea.

Eu poderei ter toda a mala sorte do mundo en mil cousas (sígueme sen tocar a lotería, non hai maneira) pero teño ao lado xente marabillosa que únicamente por sí soa fai que o ano que pasa xa fose bo. Está claro que tendo ao lado a alguén como Silvia non se pode dicir que tiveches un mal ano. Conseguiu aturarme todo o curso escolar convivindo no mesmo piso, e aínda me quixo levar de vacacións ao sur con ela! Que xa hai que ter paciencia! Mil gracias por un ano que, sen ti ao lado, non sería tan bo. E que consigas aturarme outro ano máis, e despois dese moitos máis.

Ademáis dela atúranme Víctor, Ángel, Iria, Alberto, Noemi, Víctor (si, outro), Antón, Cris… que nos vemos de cando en cando ben porque alguén se fai máis vello ou porque é un bo día para tomarse un chuletón dun par de quilos de boa carne. Que sexan outros tantos anos pasándoo tan ben.

Bueno e que quede constancia aquí, antes de despedir o post e o ano, que recordarei 2014 por todo isto e ademáis por ser o último ano que vin a Rubén, que se vai a suicidar índose a China. Moita sorte! Iso si, para non pasar dun trío que se vai os mércores ao cine cambiámolo por Alfonso, que agora é permanente e o cambio foi a ben. Temos un avogado no grupo, que sempre axuda 😉

Este ano vou deixar como propósito de ano novo seguir sendo feliz, ignorando á xente que non me aporta nada e intentando estar ao lado dos que sí o fan. E facer deporte, tamén é propósito (e algo xa o cumplín o ano pasado), a ver si se sigue mantendo!

En resumo, 2014 tivo altibaixos, como todos, pero eu quédome cos altos e sobre todo, quédome con todos os que me fixestes pasar un bo ano. Coñecín xente marabillosa en sitios aos que pensaba que non volvería, como Jorge, ao que lle desexo toda a sorte do mundo coa súa nova orquesta, Essencia; Merchy, que me namorou a súa voz dende a primeira vez que a escoitei e que é unha muller marabillosa; compañeiros de Protección Civil, cos que aprendín moitas cousas. Volvín a reencontrarme con xente que non esperaba volver a facelo outra vez, como Marcial Mouzo e Carlos Pascual, e que estou seguro de que faremos máis cousas e con máis ganas ca nunca. Sobre todo tiven a Silvia ao meu lado aturándome e convencéndome de que non todo é tan malo como eu o vexo a veces.

Un millón de gracias, Silvia.

Feliz 2015 para todos!

Publicado en: reflexións, vida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*