365 días

365-diasUn ano máis vivido. 365 días do máis variopinto, igual que todos os anos. Risas, lágrimas, alegrías, boas e malas noticias. Iso mesmo témolo ano tras ano ao longo da nosa vida, e aínda así cada ano é totalmente distinto do anterior e do seguinte.

Persoalmente estou contento do que me pasou en 2013. Non me pasou nada que considere nefasto, así que en termos xerais podo concluír que fun feliz. Acadei, creo que con creces, o único propósito de ano novo que me fixen (non fixen máis porque nunca cumplía ningún): enfadarme moito menos. Así en termos xerais. Amargarse por cousas que son moito menos importantes ao longo da vida do que parecen no momento que suceden. Consigo que me dé igual a maior parte das cousas polas que antes me enfadaría, e mira, pois pelo que me aforro que caia!

Académicamente o curso que corresponde a 2012/2013 foi aburrido. Materias aburridas e que non quería facer, pero que tiña que facer. E seguindo a mentalidade anteriormente explicada, o curso acabou ben. 2 materias que se me atragantaban saíron adiante, e só con iso xa fun máis que feliz (cousa que sabe Silvia, que aparte de superalas conmigo lle recordo cada pouco que están aprobadas). O correspondente ao ano 2013 do curso académico actual vai indo soportable a pesar dos pesares. Máis dun profesor conseguiu enfadarme a pesar de non querer, pero cun pouco de sorte esta será a última vez que me tocará ver a algúns, o cal agradecerei.

Persoalmente o conto foi infinitamente mellor que academicamente. Neste aspecto houbo moitas máis alegrías que tristuras. Alá a comezos de ano celebramos o primeiro cumpreanos do cuarto de século do grupo de sempre, que lle tocou a Alberto. Pouco despois liámonos a manta a cabeza e Silvia, Rubén e eu collemos un tren alá polo mes de marzo e arrancamos uns días de visita pola capital das Burgas (denominación que dende Cuntis aceptamos pero non compartimos), Ourense. Obrigada visita ás Termas, onde disfrutamos dunha fría tarde/noite á beira dun Miño que amenazaba con levarnos, porque o pillamos cheo, pero cheo cheo. Tamén tocou escapada a Marín algún día, e despois chegou O Acto.

O Acto si, con maiúsculas. O Acto de graduación da V promoción de Grao en Exeñería Informática da Universidade de Santiago. A min, que para graduarme me faltaban e me siguen faltando unhas cantas horas alí, presentóuseme a oportunidade de poñerme a argallalo, e así o fixen. O acto institucional, iso aburrido con discursos insoportables foi perfectamente levado polos mestres de cerimonias escollidos tras un duro debate onde eu dixen “quero a Silvia, Rubén e Carolina” e todo o mundo aceptou. Cantamos o Gaudeamus Igitur a pleno pulmón e dirixímonos aos pinchos (que curiosamente foi a maior fonte de conflictos). Trouxeron comida, comemos comida, seguiron traendo e seguimos comendo, ata que xa deixamos de comer porque nos esperaba a suculenta cea do Gran Hotel Santiago, así que raudos nos diriximos para alá, despois de bastantes fotos e moitas risas cos profesores que tiveron a ben acompañarnos. Logo de ben aprovisionados os bandullos soou a música, bailamos todos como nunca pensei eu ver bailar, e fomos ata o que había polo centro, un par de horas, unha boa pizza do Galicia e para casiña que boa falta facía, que o sol xa asomaba.

Chegou o verán, o non facer nada, o ver os días pasar, o calor, que houbo calor a montes, e os malditos incendios outra vez. E un Alvia que apagou un 24 de xullo de golpe. Foi, sen dúbida, a peor sensación do ano, a de estar en Santiago de risas e cachondeo, baixar á estación de tren a buscar a Silvia que se viña para o  Apóstol, comezar a oír e ver Bombeiros, Policía Local e Nacional, Protección Civil, 061… sirenas por todo Santiago e non saber que pasaba. Subimos a un taxi camiño do Corte Inglés e  por Whatsapp enterámonos dun accidente de tren, dende aí a información que chegaba era cada vez peor. Creo que non olvidarei a sensación de saber que algo así pasou ao lado, ver as decenas de ambulancias e oír os centos de sirenas pasar ao lado convírtete, aínda que non haxa familiares nin amigos nese tren, parte do accidente. Nunca pensei que chegaría a collerlle rabia ao sonido dunha sirena, ata ese día. Quixemos ir doar sangue, pero estaban saturados. Fomos dar unha volta pola zona de atraccións, que casualmente pasaba a Policía Local pechándoas. Fomos á zona vella, desmontaban os operarios os Fogos do Apóstolo, e no centro do Obradoiro un grupo de unha decena de persoas collidos da man en círculo. Foi demoledor vivir tan preto e non poder facer nada, non poder, e o que é peor, non saber axudar.

Eu estaba de mudanza, era a miña última noite no meu “pisito de soltero”, xa que en setembro comecei a vivir con Silvia, para alegría dos dous, ela por librarse a súa compañeira, e eu por non ter que soportala cada vez que iba e por pagar moito menos por vivir en Santiago. Ese 25 de xullo pasei 3 veces pola estrada que vai por encima da vía. Bastante xente mirando dende a ponte hacia o lugar do accidente, como sempre que pasa algo.

Pasou xullo, chegou agosto coas súas festas, e chegou de novo unha mudanza. Poucas cousas máis tediosas hai que ter que mover os teus enseres dunha vivenda a outra. A cantidade de trastos que se acumulan nun piso, por moi pequeno que sexa! Pero moveuse, instaleime feliz e contento, e así sigo, máis feliz e máis contento aínda.

Este ano foi tamén, sen dúbida, o ano no que me meteron de cheo nun mundo que eu coñecía escasamente, o dos videoxogos. Porque me regalaron unha consola! Eu, que só tivera a Game Boy, a primeira, son agora feliz posuidor dunha Nintendo 3DS, cortesía de Silvia, Rubén, Carol, Adrián e Alfonso, que consideraron que era un bo regalo para o meu cumpreanos. E así foi de feito, estou encantando con ela! Non quero desmerecer a camiseta de “Terma Cheewy que escorregho” e o resto de regalos de Víctor, Iria, Ángel, Alberto, Antón, Noemi, Víctor (o de Noemi, non é que me repita) e Cris, que a pesar do pouco caso que lles fago se acordan de min sempre 😉

E despois do cumpreanos, o último evento salientable do ano foi, e parece que se asenta como tradición, a viaxe a Sevilla entre finais de novembro de comezos de decembro. Pretendendo escapar do frío (non conseguido) e da chuvia (tampouco conseguido) escapámonos alá de novo Silvia, Rubén e máis eu. Por variar engadimos unha novidade na viaxe, foi ir ata Córdoba na busca de Faran para traela a Sevilla. E depaso coñecer Córdoba, que ben o merece. Paseamos por Sevilla, fomos a Córdoba, paseamos por Córdoba, volvemos a Sevilla, fomos ao cine en Sevilla, fomos ao Mangafest, e comemos moita pizza. Porque ese é outro motivo de peso para ir a Sevilla. A obrigada visita á Pizzería La Hoguera, que nos atopamos de casualidade o ano pasado, e que non podíamos deixar de volver. Chegamos á casa mortos totalmente, pero encantados da viaxe.

Todo isto que contei Google ten a ben resurmilo nun vídeo composto por varias fotos subidas a Google+. Aínda que faltan cousas que contei, están outras que non mecionei, como a volta a Cerceda para a celebración da Xuntanza Pensando en Ti, diversos cumpres, a iniciativa OnceUns ou unha viaxe ás Cíes.

E chega o fin de ano. As festas onde se come un montón e despois se apreta algo para meter o turrón, onde a min, e a outros moitos, nos toca poñernos diante do ordenador para finalizar o cuadrimestre. E despois o 31 de decembro, sacamos o traxe, sacudímolo un pouco, axustamos a garavata, e a recibir un 2014 que, eu estou totalmente convencido, vai ser marabilloso.

Sede moi felices!

Publicado en: reflexións, vida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*