Un cuarto de século

25Hai nada que estiven de cumpreanos. A verdade e que este ano non lle fixera moito caso, como case todos os anos, pero entre o comezo de curso que me tiña algo desorientado e o cambio de domicilio pois acentuou o feito de que non lle fixera moito caso, alomenos ata que Carol me comentou que iba cumprir un cuarto de século.

Aínda que digo moi habitualmente que “vou vello”, a verdade é que o digo máis en broma que outra cousa, e ter 25 anos non me causaba ningunha sensación ao respecto, pero visto dende a perspectiva do século… o conto cambia. Cumprir máis dun cuarto da vida (non creo eu que chegue aos 100 anos) ben merece algunha reflexión.

A reflexión que podo facer sobre este cuarto de século é que estou contento. Non chimpo de alegría todos os días, claro que non, pero tampouco teño unha vida que poida denominar infeliz, sobre todo vendo co que nos machacan cada día nas noticias.

Como lle pasa a todo o mundo, hai momentos nos que eres máis feliz, menos feliz ou inmensamente triste, pero eses momentos tan malos é mellor non facelos aflorar en exceso, porque, na miña opinión, só consiguen transportarte a eles e volver a estar inmensamente triste.

Indo un pouco cara atrás estou, en xeral, contento coas decisións que fun tomando. Vinme para Santiago hai xa 8 anos, coa intención de aprender todo o posible sobre imaxe e son, que daquela era o que quería facer da miña vida. Estudei un ano nunha academia onde aprendín gran parte do que sei dese tema, e onde fixen coñecidos e algún que outro amigo. Alí acerqueime un pouco máis á informática, que xa estaba totalmente pegado, pero decidín meterme nun ciclo superior, e creo que foi unha das decisións máis acertadas. Foi onde vin auténtica paixón pola ensinanza por parte da maior parte dos profesores, e onde aprendín un montón de informática. Foron 2 anos nos que volvín a recuperar a esperanza na ensinanza, despois de un desastroso bacharelato no que sufrín e moito a incompetencia da maior parte do profesorado, con honrosas excepcións, iso si.

Acerqueime ao mundo da hostelería tamén, brevemente, da man de Manel Oliveira, onde aprendín o pouco que sei do mundo este. Aprendín pouco porque estiven pouco tempo, pero estou bastante contento cos conceptos básicos que coñezo sobre viños, licores, destilados, servizos, texturas e sabores.

No medio diso tomei outra das decisións que máis orgulloso estou, dicir que si a colaborar coa directiva dunha asociación benéfica xurdida a raíz dun programa de radio, onde vin que neste país, a pesar dos pesares, queda unha cantidade inxente de humanidade. Toneladas de alimentos repartidas en campañas de Nadal, xuntanzas de miles de persoas onde aprendín que, coa axuda suficiente, todo é posible, incluso xuntar 35000 persoas e organizalo entre 3.

Despois de moitas voltas, moitas preguntas a amigos e moitos empuxóns por parte de Víctor metinme na carreira. Non podo dicir que me arrepinta disto, sobre todo porque alí coñecín a moita xente que considero amigos. Despois tamén coñecín a outras persoas que superaron ese nivel, e que agora non podo nin quero imaxinarme sen falar con elas. Agora vivo con unha delas, a máis importante sen dúbida, Silvia, e esa foi outra das decisións que máis feliz me fixo. Compartir piso é unha das cousas máis difíciles, atopar o compañeiro ideal é unha lotería, e eu tiven a sorte de convivir sempre cos meus mellores amigos, tanto na época anterior como agora, e iso fai que volver á casa cada día non sexa un suplicio senon algo que estás desexando, o cal despois das clases que hai que aturar, dos enfados que a USC pode producir día tras día, é un auténtico alivio.

Da universidade a verdade, podo dicir máis cousas malas que boas, xa que conseguiu amargarme máis veces que facerme feliz. Profesores ineptos, normativas absurdas e horas e horas invertidas en cousas que non serviron para nada, pero iso xa está longo e tendido explicado noutros posts. Do bo quédome, aparte dos amigos, da visión do mundo dende a perspectiva universitaria, que ten a súa parte de interese. Non se acerca en nada á realidade, pero creo que está ben coñecer esta visión.

En definitiva, un cuarto de século, un monte de vivencias de moitos tipos, e o 90% do tempo só me acordo das boas, co que son máis feliz, ou alomenos o intento.

Sede felices, facede o que queirades facer, e se hai unha mínima posibilidade de que digades que si a unha proposta, facédeo, en todos os sitios se aprende.

Publicado en: reflexións, universidade, vida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*