Motivación

Queixábase Ricardo Galli hai uns días nun post de que os seus alumnos, á hora de programar, non eran capaces de detectar erros, e que esperaban que o profesor resolvese os problemas cos que se atopasen ou que non relacionaban conceptos de unhas materias con outras.

Teño que darlle en parte a razón, pero non creo que sexa únicamente culpa dos alumnos todo iso.

É certo que teño a sensación que dende hai uns anos para aquí, conforme pasan promocións do Grao de Enxeñería Informática por diante miña, e sobre todo este ano que compartín clase cos recén chegados, hai menos interese. Igual simplemente o expresan doutra maneira, pero todos os compañeiros de cursos superiores que compartimos aula con eles coincidimos en que son, alomenos, moito menos respetuosos. Falan en clase, molestan e, ou non se dan conta ou lles da igual. Esta falta de atención ao profesor reflexa menos educación, iso dende logo, pero non sei se necesariamente reflexa falta de interese.

Está claro que sí teñen un interese, igual que o temos todos, é o de aprobar. O de chegar ao 5, para liberarse de unha asignatura e estar máis cerca do tan ansiado título. E igual ese é o problema, que o interese está no “5.0 APROBADO” de USC.NOTAS.

Eu, a un curso de rematar o Grao, estou queimado. Moi canso da Universidade, de normativas sen moita lóxica, de funcionarios que asisten ao posto de traballo, pero que non realizan o traballo, de adicar horas e horas para obter resultados pouco satisfactorios, e de ter que pelexar por intentar mellorar a calidade docente, cando o lóxico sería que a calidade viñese implícita. Cando levas 4 anos, entendo estar queimado, non amosar interese, intentar chegar ao 5.0 e librarse de unha asignatura, pero non cando levas un curso.

Se as promocións chegan ao final do primeiro curso ata as narices, e falan en clase, non intentan contradicir ao profesor, non preguntan… cando cheguen a 4º farano con ganas de matar a profesores. Con máis das que tivemos nos.

Igual os alumnos sí que veñen con menos ganas de traballar das que traían hai uns anos, pero igual se podería facer máis atractivo e interesante o currículum das materias para poder manter esa chispa e esas ganas de aprender que se lle presupoñen aos alumnos cando entran. É realmente necesario que a maior parte dos profesores de Matemáticas cheguen, enchan a pizarra con teoremas, corolarios e demostracións, e que ninguén explique a utilidade de saber iso? Se queremos que os alumnos teñan interese, igual deberían facerse as materias interesantes.

Outra cousa que comenta Galli no artículo é que os seus alumnos son incapaces de relacionar conceptos de persas materias. É moi probable que sexa certo, porque para relacionar conceptos é necesario telos moi claros, e a claridade de conceptos é algo bastante menos habitual do que debería debido á abstracción coa que se conta todo, e tamén debido á falta de tempo para asimilar os conceptos, e moitas veces, debido á mala explicación ou á mala maneira de pretender que os entendamos, con prácticas sen sentido.

É bastante desesperante ver como se desperdician horas e horas de clase, e fóra de clase, en facer prácticas coas que buscas que ao profesor lle guste cando a vexa; en entender conceptos que na vida volverás a ver; ou en estudar para exames que aprobarás en función do humor do profesor á hora de poñer o exame e correxilo.

En resumo, é probable que as novas xeneracións vaian a peor, teñan menos interese e esperen que os problemas se resolvan sós; pero tamén é certo que ese camiño se pode cambiar. Os docentes non teñen que ser un mero vehículo de información (que algúns nin a iso chegan), teñen que saber transmitirlle aos seus alumnos a paixón que eles teñen pola materia que imparten. Claro que isto leva a outro problema. Como vai ter paixón alguén pola materia que imparte se lle tocou por ser o máis novo do departamento e na vida estudou iso?

Publicado en: Sin categoría
0 comentarios en “Motivación
1 Pings/Trackbacks para "Motivación"
  1. […] un ano falei sobre a motivación para estudar, a raíz dun post de Ricardo Galli onde se queixaba dos seus alumnos. Ao largo de todo este ano, e […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*